|
A Casa Museo de Otero Pedrayo en Trasalba foi o lugar escollido para o acto de entrega da distinción ao pintor e gravador Antón Pulido, como Primeiro Fillo Predilecto de Amoeiro o día 18 de Outubro de 2008.
Nun salón de actos abarrotado de autoridades, amigos, veciños e familiares entregóuselle o diploma que o acredita como fillo predilecto da súa terra natal que o homenaxeado agradeceu asegurando que “é o acto máis fermoso e inesperado que che pode acontecer”.
Como asegurou o alcalde Rafael Rodríguez Villarino o “mellor agasallo para esta terra é recoñecer en vida a valía do artista ata agora esquecida polos seus veciños”. Un artista que, como dicía Otero Pedrayo, “soubo acoller e entronar a elegancia severa dos chaos de Amoeiro”.
Antón Pulido Novoa naceu en Bóveda de Amoeiro (Ourense) en 1944. Iniciou a súa formación en Ourense, ata que se trasladou a Barcelona, onde cursou Belas Artes na Escola Superior de San Jorge, para titularse na especialidade de pintura e gravado.
A súa primeira exposición foi en Ourense, no Ateneo, en 1971. Editou tres cartafois de gravados, tituladas «Ou home», «Ou abrazo» e «A espera» nos anos 1978, 1979 e 1981 . Vinculado a proxectos editoriais, deseñou as portadas de libros da editorial «Ir Indo», nalgúns dos cales reprodúcense cadros seus que se exhibiron en mostras de importancia.
Traballou en Vigo, onde foi profesor de debuxo no Instituto de Bacharelato Alvaro Cunqueiro, ata que se trasladou a Compostela, primeiro como Director Xeneral de Cultura, da Xunta de Galicia, e máis tarde como director do Centro Galego de Arte Contemporánea, á fronte do cal acometeu unha política de visión moi actual e viva do que debe ser a preocupación polas artes plásticas.
A obra de Antón Pulido comeza a chegar aos museos e coleccións. É un expresionista, vinculable ás escolas xermanas de postguerra, con modos «fauve». Sobre un debuxo esquemático, a súa pincelada ancha e firme constrúe o cadro, en cores violentas, de gran contraste. Hai sempre unha intención testemuñal e ata denunciadora na súa pintura, coma se constituíse unha homenaxe ao home na súa soidade, no traballo, na intimidade.
|