REGULAMENTO DE HONORES E DISTINCIÓNS
(BOP 25/08/2008)
Edicto
Unha vez finalizado o prazo para a presentación de reclamacións contra o acordo adoptado polo Pleno do Concello, na sesión que tivo lugar o día 11 de xuño de 2008, e publicado no Boletín Oficial da Provincia n.º 146, de data 26 de xuño de 2008, relativo á aprobación do Regulamento de honores e distincións do Concello de Amoeiro, sen presentarse reclamacións, queda definitivamente aprobado e procésese á publicación íntegra do seu texto, de conformidade co disposto no artigo 49 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local.
O acordo do Pleno do Concello, adoptado na sesión do día 11 de xuño de 2008, di na súa parte dispositiva:
“A Corporación, por unanimidade, acorda:
Primeiro.- Aprobar inicialmente o Regulamento de honores e distincións do Concello de Amoeiro.
Segundo.- Que se expoña ó público polo prazo de trinta días para a presentación de reclamacións e suxestións, conforme co preceptuado no artigo 49 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local.
Terceiro.- Que no caso de que non se presente ningunha reclamación ou suxestión entenderase definitivamente adoptado o acordo, debendo publicarse xunto co texto completo do regulamento no Boletín Oficial da Provincia.
Amoeiro, 11 de agosto de 2008. O alcalde en funcións.
Anexo
Regulamento de honores e distincións do Concello de Amoeiro Exposición de motivos O Concello de Amoeiro estima necesario dispor da regulación oportuna que permita recoñecer e premiar servizos extraordinarios para a localidade realizados de maneira pública, destacando aquelas condutas que sexan merecedoras do dito recoñecemento público, sobre todo valores como a tolerancia, a liberdade e o amor á terra.
Os títulos e distincións que concede o Concello son soamente honoríficos e, polo tanto, non teñen compensación económica ou de calquera outro medio.
Capítulo I. Disposicións xerais
Artigo 1. Fundamento legal e natureza
A aprobación deste Regulamento fundaméntase nos artigos 4 e 49 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, e os artigos 50.24 e 189 a 191 do Real decreto 2568/1986, do 26 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das entidades locais, que establecen que as corporacións locais poderán acorda-la creación de medallas, emblemas, condecoracións ou outros distintivos honoríficos co fin de premiar especiais merecementos, beneficios sinalados ou servizos extraordinarios, previos os trámites necesarios que se establecen neste regulamento especial.
Artigo 2. Obxecto
A concesión de títulos, honores e condecoracións que poden ser outorgados polo Concello co fin de premiar ou recoñece-las actuacións que poidan ser merecedoras delas serán as seguintes:
- Título de fillo predilecto.
- Título de fillo adoptivo.
- A medalla de ouro de Amoeiro.
- A medalla de prata de Amoeiro.
- A medalla de bronce de Amoeiro.
- Nomeamento de membro honorario da Corporación.
Artigo 3. Os nomeamentos
Os nomeamentos, que poderán recaer en persoas tanto nacionais como estranxeiras, terán un carácter honorífico e non outorgarán en ningún caso potestades para intervir na vida administrativa nin no goberno do municipio pero habilitarán o desempeño de funcións representativas cando estas se ejerzan fóra da demarcación territorial respectiva previa designación especial da Alcaldía.
A concesión de distincións e honores, en todo caso, faranse de forma discrecional polo Concello.
Para concede-los honores e distincións a persoas estranxeiras terase en conta o sinalado no artigo 190 do Real decreto 2568/1986, do 28 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das entidades locais.
Capítulo II. Dos títulos de fillo predilecto e fillo adoptivo
Artigo 4. Título de fillo predilecto O título de fillo/a predilecto/a de Amoeiro poderá ser concedido ó/á que nacese no termo municipal de Amoeiro e salientara, de forma extraordinaria, polas súas calidades persoais, profesionais e particularmente polos seus servizos en prol da mellora ou honra de Amoeiro, tendo acadado prestixio e consideración en xeral nos diferentes quefaceres da sociedade.
Artigo 5. Título de fillo adoptivo
O nomeamento de fillo adoptivo, que recaerá en persoa física, terá a mesma consideración e xerarquía que o título de fillo predilecto coa única diferenza de que se conferirá a persoas que non naceran no municipio pero que, non obstante, teñan un vínculo moi especial con el e reúnan as condicións sinaladas no artigo anterior.
Artigo 6. Concesión a título póstumo
Os títulos anteriores poderán concederse a título póstumo no suposto en que na persoa falecida concorresen os requisitos anteriormente enumerados.
Artigo 7. Duración dos títulos
Os títulos de fillo adoptivo e fillo predilecto terán carácter vitalicio e non poderán outorgarse máis de tres títulos de fillo adoptivo e máis de tres títulos de fillo predilecto ó ano.
Soamente en supostos excepcionais poderán acordar conceder un número maior de títulos se as circunstancias teñen importancia extrema para o municipio.
Artigo 8. Entrega de títulos
Unha vez que estea acordada a concesión dos títulos anteriores sinalarase a data de entrega destes por medio da entrega dos diplomas que corresponden a cada un dos títulos.
- Forma do título de fillo/a predilecto/a.
O título consistirá nun pergameo coa seguinte lenda:
“O Concello de Amoeiro, en interpretación do sentimento xeral da veciñanza, concede a... o merecido e honroso título de fillo/a predilecto/a de Amoeiro como público recoñecemento dos singulares méritos adquiridos co seu labor constante en pro dos intereses morais e materiais deste concello”.
Amoeiro,... de... de...
O secretario. O Alcalde.
- Forma do título de fillo/a adoptivo/a.
O título consistirá nun pergameo coa seguinte lenda:
“O Concello de Amoeiro, desexando que quede constancia do eterno agradecemento e interpretando o sentir máis unánime da seu veciñanza, honrase concedendo a... o título de fillo/a adoptivo/a de Amoeiro como público recoñecemento dos grandes méritos contraídos pola súa conduta exemplar observada reiteradamente en pro dos intereses morais e materiais deste concello.”
Amoeiro,... de... de...
O secretario. O Alcalde.
Capítulo III. Das medallas do municipio
Artigo 9. Descrición das medallas
A medalla de Amoeiro é un distintivo que a Corporación Municipal outorga con carácter individual ou colectivo a persoas físicas, xurídicas, institucións e entidades que se distingan no melloramento cultural, científico, social ou económico do concello.
Establécense tres categorías de medallas: ouro, prata e bronce.
Artigo 10. Número de medallas
O número máximo de medallas de cada categoría que se poden conceder cada ano será de dúas co obxecto de outorgala correspondente importancia á distinción.
Artigo 11. Características das medallas
A medalla terá as seguintes características:
Anverso: levará gravado o escudo do Concello que se describe así “de sinople, oito torres de ouro; xefe de ouro cunha pluma de prata. Ó timbre, a coroa real pechada”.
Artigo 12. Outras distincións honoríficas
O Pleno da Corporación poderá designar unha vía pública, complexo urbano ou instalación municipal co nome dunha persoa vinculada ó concello, recoñecendo con iso especiais merecementos ou servizos extraordinarios.
Capítulo IV. Procedemento para o outorgamento de honores e distincións
Artigo 13. Iniciación
Os distintivos e nomeamentos outorgaranse previo procedemento que se iniciará por decreto da Alcaldía, ben por propia iniciativa ou a requirimento dunha terceira parte dos membros que integran a Corporación Municipal, ou respondendo á petición razoada de entidades locais de recoñecido prestixio.
No decreto de iniciación nomearase un xuíz instrutor e un secretario, o instrutor será un concelleiro.
Artigo 14. Instrucción
O instrutor realizará tódalas actuacións que sexan precisas para acredita-los méritos que concorran nos propostos. Para iso poderá solicita-los informes e testemuñas que sexan necesarias para confirmar este merecemento e que quedarán incorporados ó expediente.
Unha vez concluído o trámite anterior remitirá informe razoado que poderá ser favorable ou desfavorable e proposta de resolución á Alcaldía, que procederá a valorar esta. Esta poderá optar entre solicitar máis dilixencias ou remiti-la proposta ó Pleno do Concello para a adopción do acordo correspondente.
Artigo 15. Resolución do expediente
O Pleno do Concello, con carácter discrecional e de conformidade co artigo 50.24 do Regulamento de organización e funcionamento, resolverá se procede ou non a concesión dos títulos e honores descritos anteriormente, atendendo ós méritos, calidades e circunstancias singulares dos galardoados.
Para a adopción dos acordos correspondentes requirirase o voto favorable de nove membros da Corporación dos once que legalmente a constitúen.
Artigo 16. Entrega do título
A entrega da distinción ó galardoado levarase a cabo en acto público solemne e nos termos que se sinalen no acordo.
Artigo 17. Lugar de honor
Os que ostenten unha distinción das sinaladas neste regulamento gozarán dun lugar de honor nos actos públicos ós que sexan invitados.
Artigo 18.
Previo procedemento, que se instruirá coas mesmas características e garantías que para o outorgamento de honor ou distinción, a Corporación poderá revoga-lo acto de concesión á persoa galardoada se esta modifica tan profundamente a súa anterior conduta que os seus actos posteriores o fan indigno de figurar entre os galardoados.
Capítulo V. Libro de rexistro
Artigo 19. Libro de rexistro de distincións A Secretaría Xeral levará un rexistro dos títulos expedidos, por orden cronolóxico e correlativa numeración, coa pertinente separación para cada distinción concedida e a clase de medallas.
Disposición final única
Este regulamento entrará en vigor unha vez aprobado definitivamente
e publicado o seu texto íntegro no Boletín Oficial da Provincia e de conformidade, non obstante, co sinalado no artigo 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local.